Sunday 05 de May de 2024

Avanza o proxecto de contención dos noiros de Ou Regueiro coa exposición do estudo de impacto ambiental


· O Ministerio para a Transición Ecolóxica publica hoxe no BOE o inicio do prazo para presentar alegacións.

· O Concello de Bergondo espera que sexa o paso previo á aprobación provisional para a licitación dunha mellora prevista desde o 2019.

· A actuación, que conta cun orzamento de 1 millón de euros, permitirá acabar co gran problema de seguridade da praia debido aos desprendementos.

O proxecto de contención dos noiros da praia de Ou Regueiro continúa avanzando. Hoxe, mércores 6 de marzo, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publica no BOE o proceso de exposición pública do estudo de impacto ambiental que supoñerá esta actuación.

O proxecto ‘Tratamento ambiental do bordo litoral de praia do Regueiro, no T.M. de Bergondo (A Coruña)’ xa foi sometido a información pública no ano 2019. Unha actualización do Catastro incorporou unha nova parcela ao longo de toda a costa que delimitou o novo espazo de dominio público. Esa actualización xerou unha nova situación e conduciu a que a Demarcación de Costas corrixise o proxecto inicial e elaborase un novo.

Desde o Concello espérase que este proceso de avaliación ambiental sexa o paso previo á aprobación provisional para a licitación desta mellora e que así poida concretarse de maneira definitiva.

A documentación poderá consultarse nas dependencias do Concello de Bergondo durante os próximos 30 días hábiles, a contar desde mañá, xoves 7 de marzo. Tamén existe a posibilidade de acudir á Demarcación de Costas na Coruña (previa petición de cita) ou de revisalo de maneira telemática na web do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

As actuacións previstas

A actuación conta cun orzamento de 1.064.201,17 euros para acabar co gran problema de seguridade da praia debido aos desprendementos que se producen recurrentemente. Un problema que non só afecta os usuarios da praia, que conta con sinais que avisan do perigo, senón aos propietarios dos terreos lindeiros, danados pola acción da erosión do mar.

A actuación, que ademais permitirá fomentar a biodiversidade da zona, vén continuar a protección do bordo costeiro da zona Este, xa executada, nunha lonxitude de 300 metros aproximadamente. Construirase un dique de protección coroada cunha senda para posibilitar a accesibilidade da costa. Ademais, está prevista a instalación de ramplas de acceso ao areal onde actualmente existen unhas escaleiras.

Tamén se colocará unha malla volumétrica de protección dos noiros nas zonas máis expostas para evitar a erosión. Por último, executarase unha pasarela de madeira tratada no inicio da actuación para salvar o leito do rego do Cabanés. A pasarela terá unha luz de aproximadamente 6 metros e contará con varandas, ramplas de acceso, bancos e papeleiras.